Arquivos mensuais: Abril 2017

“la Caixa” apoia un programa de atención integral a persoas con discapacidade da provincia de Pontevedra

5 Abril, 2017  |  Actualidade  |   nuri

A Obra Social ”la Caixa” colabora coa Federación COGAMI Pontevedra (Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Pontevedra) na posta en marcha dun programa de atención integral a persoas con discapacidade, co fin de proporcionar ás persoas con discapacidade e ás súas familias unha atención integral para o fomento da autonomía persoal e a vida independente a través da creación de actividades que dean resposta ás necesidades detectadas.

A través deste programa, que la Caixa apoia cunha contía de 8.000 euros, vanse beneficiar 120 persoas con discapacidade residentes na provincia de Pontevedra, todas elas cun perfil similar: baixo nivel de ingresos, sobreprotección familiar, baixos niveis de autoestima e con necesidade de atención rehabilitadora para minorar os procesos dexenerativos.

O programa de atención integral comprende o desenvolvemento de actividades específicas preventivas, rehabililitadoras e de apoio psicosocial que permitan dar cobertura ás necesidades detectadas. A través destas actividades, pretenderase, por exemplo, minorar procesos dexenerativos nas persoas con tetraplexia ou lesións cerebrais, potenciar o mantemento físico, proporcionar hábitos saudables ou asesorar sobre os recursos que existen na Administración para mellorar a situación que viven.

A selección das persoas que van formar parte do programa será a través das 13 entidades membro que conforman a Federación provincial de COGAMI en Pontevedra ademais dos centros que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten na provincia, sendo todos estes:Na comarca de Vigo: Federación COGAMI-Pontevedra, Centro Formación e Emprego COGAMI Vigo centro de recursos de COGAMI en Mos, asociación Avidepo, asociación Asodifisi, asociación Agadhemo, asociación Acadar, asociación Fibrose Quística).

Na comarca de Baixo Miño: asociación VONTADE:

Na comarca de O Condado e Paradanta: asociación Adapta

Na comarcas de Pontevedra e O Morrazo: asociación Amizade e Servizo de Orientación Laboral COGAMI en Pontevedra.

Na comarca de O Salnés a asociación Anduriña.

Na comarca de Caldas, Tabeirós e Terra de Montes, a asociación Avanzar e o centro de recursos de Medelo .